Poliomielite

A poliomielite, tamén coñecida como enfermidade de Heine-Medin, parálise infantil e máis comunmente pola súa forma abreviada polio, é unha doenza infecciosa causada polo poliovirus, que nun 0,5% dos casos presenta debilidade muscular que da como resultado unha parálise fláccida, proceso que pode tardar dende unhas poucas horas ata varios días. Esta debilidade adoita afectar ás pernas, mais en casos menos frecuentes pode afectar ós músculos da cabeza, pescozo e diafragma. Unha gran parte dos afectados pola doenza consegue recuperarse por completo. De entre os que sofren debilidade muscular, entre un 2 e un 5% dos nenos e entre un 15 e un 30% dos adultos falecen. Un 25% dos pacientes presentan síntomas menores como febre e gorxa irritada, mentres que ata un 5% presentan cefaleas, rixidez no pescozo e dores nos brazos e pernas. Estes doentes con síntomas menores adoitan recuperarse nun período de entre unha e dúas semanas. Ata un 70% das infeccións son asintomáticas. Anos despois da recuperación pode aparecer a síndrome pospolio nalgúns pacientes, presentando un lento desenvolvemento de debilidade muscular semellante á que o doente sufrira durante a infección inicial. O poliovirus adoita transmitirse de persoa a persoa por vía fecal-oral. Pode espallarse tamén a través de comida ou auga que conteña feces humanas e de forma menos frecuente a través da saliva. As persoas infectadas poden continuar sendo contaxiosas ata unhas seis semanas despois de resultar infectados, incluso se non presentan síntomas. O diagnóstico realízase mediante a detección do virus nas feces ou a detección de anticorpos contra o virus no sangue da persoa infectada. A doenza pode previrse coa vacina da polio, malia que se precisan múltiples doses desta vacina para que resulte efectiva. A axencia estadounidense CDC recomenda a administración de doses adicionais para aqueles que viaxan desde ou ata países con incidencias da doenza e para os residentes destes países. Unha vez infectado non existe un tratamento específico para os doentes máis aló dun tratamento de apoio. No ano 2016 rexistráronse 37 casos de polio silvestre e 5 casos de polio derivada de vacinación, unha redución dende os 350 000 casos de polio silvestre rexistrados no ano 1988. En 2014 só se tiña constancia do espallamento da doenza por contaxio entre persoas en Afganistán, Nixeria e Paquistán. En 2015 Nixeria conseguira deter o gromo de poliovirus, mais tivo unha reocorrencia no ano 2016. A poliomielite coñécese dende hai miles de anos, con diversas representacións desta doenza na arte antiga. Recoñeceuse por primeira vez como unha condición separada doutras en 1789, por medio do médico inglés Michael Underwood, e o virus causante da doenza identificouno por primeira vez o inmunólogo austríaco Karl Landsteiner en 1908. A finais do século XIX sucedéronse varias grandes epidemias en Europa e nos Estados Unidos, e no século XX converteuse nunha das doenzas infantís máis preocupantes nestes territorios. A primeira vacina da polio desenvolveuna Jonas Salk nos anos 1950. A comunidade médica agarda que os traballos de vacinación e de detección temperá consigan a erradicación global da poliomielite no ano 2018.


Developed by StudentB